21 oct. 2016

ACTIVIDADE: PAN CON PAN....

No marco do estudo das biomoléculas presentes nos alimentos, o alumnado realizou unha práctica de laboratorio 
consistente na identificación cualitativa de determinados nutrientes nos alimentos, neste caso glícidos: en concreto o amidón.
O amidón é un polisacárido (pertencente ó grupo dos hidratos de carbono ou glícidos) formado pola condensación de miles de moléculas de glicosa.
Este composto é a principal reserva enerxética dos vexetais polo que está contido nunha gran cantidade de alimentos (patacas, cereais...) e constitúe unha das principais fontes de calorías na dieta dos humanos. A súa vez, este composto está presente en friames e produtos procesados (mortadela, salchichas...) xunto con outros aditivos que conseguen darlle un aspecto final moi parecido á carne.
O consumo de amidón non é prexudicial (posto que, como xa dixemos, forma parte de gran parte de alimentos de consumo habitual como o pan, a pasta, os cereais....)  e é a nosa principal fonte enerxética. O que ocorre é que podemos crer que estamos tomando proteínas ó consumir un bocadillo de pan con friame cando, en realidade, químicamente estamos comendo “pan con pan”.
Mostras para a análise
Na actividade o alumnado non só detectou o composto senón que puido analizar a súa maior ou menor presenza en diferentes produtos con diferentes prezos, podendo sacar conclusións destes resultados.
  • Aplicar os procedementos da ciencia para detectar nutrientes nos produtos de consumo diario.
  • Concienciar ó alumnado da importancia de coñecer a composición dos alimentos que consumen como parte dunha dieta equilibrada e saudable.
  • Poñer en valor os produtos frescos e pouco procesados (xamón serrano) fronte a alternativas ultraprocesadas.

RESULTADOS:

A análise con lugol puxo de manifesto a existencia de grandes cantidades de amidón na pataca (o cal era de esperar pois é o compoñente principal desta). A pataca empregouse como control positivo.
Resultado observado na pataca (control positivo), o xamón serrano (control negativo) e a mortadela.
Pero ademais, a reacción deu positivo con todas as mostras de "produtos cárnicos" analizados (mortadela, salchichas, friame de pavo e friame de sandwich) a excepción do xamón serrano (control negativo) e o xamón cocido.



Á luz destes resultados, resulta obvia a importancia de ler con atención a composición dos produtos que mercamos para poder actuar como consumidores conscientes, responsables e informados. Así conseguiremos que non nos dean gato por lebre ou, neste caso, pan con pan.