Non cabe dúbida ningunha
de que o mexillón (Mytilus galloprovincialis) é o rei das nosas rías: un produto que non
só sustenta economicamente a moitas familias galegas senón que deleita os
padais dos máis esixentes por ser un alimento saboroso e versátil. Ao vapor, en
salsa, con arroz, recheo, en vinagreta... día a día aparece nas nosas casas e
nos nosos pratos colmando non só os nosos sentidos senón a nosa saúde, pois ten
un alto valor nutricional.
O mexillón é un gran modelo anatómico |
Pero ademais o mexillón é
un excelente modelo para o estudo da anatomía dos invertebrados moluscos:
sinxelo de conseguir, dun tamaño moi manexable e coas estruturas típicas dun
molusco facilmente observables.
É por iso que, no marco
do estudo dos invertebrados, aproveitamos para coñecer máis de preto a este
bivalvo realizando unha práctica de laboratorio. Con ela perseguimos dous
obxectivos:
Por unha banda, analizar
a morfoloxía dos moluscos e repasar as partes vistas na aula. Por outra,
aproveitar para poñer en valor o mexillón como un alimento saudable e
delicioso.
Equipo de disección |
Para esta práctica
empregamos como materiais:
- Mexillóns (Mytilus galloprovincialis) previamente abertos ao vapor.
- Equipos individuais de disección: cubeta, bisturí, tesoiras, pinzas e punzón.
- Guión de prácticas.
Crustáceos na cuncha |
Durante o desenvolvemento
da mesma e despois de observar detidamente a morfoloxía externa, o alumnado foi
partindo o mexillón e extraendo as súas estruturas seguindo o guión facilitado.
Externamente algúns exemplares tiñan adheridos crustáceos (balanos) e vermes
poliquetos, que tamén aproveitamos para repasar pois xa os traballaramos na clase.
Na segunda parte da
práctica puxemos en común o valor nutricional do mexillón e reflexionamos sobre
todo o que nos aporta e para que serven estes nutrientes.
Finalmente entre todos
fixemos un remuíño de ideas de receitas con mexillón onde saíron ideas
moi apetecibles (como o paté de mexillón caseiro) e todos aprendemos un pouquiño máis non só de anatomía senón de alimentación.
Receita do paté de mexillón
Desposi de facer a práctica de laboratorio Marcos, alumno de 1º de ESO, tivo a xentileza de darnos a todos a proba dun paté de mexillón que fixo a súa nai, e escribirnos a receita. Encantounos, por iso queremos dar as grazas a Marcos é a súa nai por este detalle.